top of page

CALENDARIO

20-02-2025

XOVES DE COMPADRES

Á medianoite o compadre ou lardeiro cólgase dunha pértega na Praza Maior: Así comeza oficialmente o tempo do Entrudio. Neste día o protagonismo é dos homes, que ao longo do día intentarán non deixar ningunha muller sen enfariñar.


Ademais da fariña , pola mañá, os centros educativos da vila realizan un desfile, encabezado por un fulión e boteiros , ao que segue o resto da comitiva exhibindo os seus vistosos traxes. Pola noite, o fulión sae acompañado do boteiro (que non leva o traxe completo, senón só o monca e as esquilas). E logo, despois da rolda do fulión , teñen lugar as ceas dos compadres.

27-02-2025

Xoves de COMADRES

O xoves de Comadres segue o mesmo patrón que o xoves anterior,
só que, neste caso, o papel principal recae nas mulleres. De novo, á
media noite colgan a comadre ou lardeira, o que indica que, durante
este día, só ás mulleres se lles permite botar fariña .

Por outra banda, pola mañá xúntanse os centros de ensino de
primaria (CEIP Bibei) e secundaria (IES Carlos Casares) para facer
un percorrido por Viana, levando o fulión , os boteiros e os disfraces
por toda a vila. Pola noite o fulión e os boteiros (só con monca e
esquilas). Finalmente, todas as mulleres de Viana disfrázase para
asistir ás ceas das comadres, que normalmente están amenizadas
por charangas.

28-02-2025
01-03-2025

VENRES E SÁBADO DE ENTRUDIO

Os dous días, pola noite, fulión , fariña e disfraces animan a fin de semana grande do entrudio.

 

Ademais, desde a recuperación das comparsas, o sábado de
Entrudio hai fulións polas rúas e disputas da comparsa en varios
pobos tanto pola mañá como pola tarde.

02-03-2025

Domingo gordo

O domingo gordo é un dos días sinalados do Entrudio de Viana. Por
mañá ten lugar o desfile de fulións , embarcacións e carrozas (cuxo número de participantes ronda as 1.000 persoas).

 

Ao seu remate comeza a Festa da Androlla , un macroevento gastronómico con máis de medio século de historia e que  atrae a uns 3.000 invitados. Unha vez rematada a comida, a media tarde, uns fulións dan un pequeno paseo polas rúas de Viana antes de retirarse.

O menú comeza cun caldo con croutóns, seguido de cachelos, grelos, lacón, chourizo e androlla. Despóis cordeiro asado con ensalada. O menú remata coa bica de Viana e a tradicional queimada.

03-03-2025

LUNS DE ENTRUDIO

O luns de Entrudio é o día do Entrudio infantil. Pola tarde, a
cativada organiza o seu propio fulión e fai un pequeno percorrido
pola vila. Ao final desta xira, organízanse unha serie de xogos na
Praza Maior e todos as persoas presentes están convidadas a un
chocolate.

Pola noite sae o fulión trapalleiro , que consiste en tocar o fulión con
cousas de lata ou plástico en lugar de empregar os típicos bombos
e aixadas.

04-03-2025

martes DE ENTRUDIO

Pola mañá, o fulión e os boteiros realizan unha viaxe ata Cabo da
Vila (o casco histórico), onde as veciñas e veciños organizan un
aperitivo. Pola tarde, é a batalla da fariña: xentes de todas as
idades saen á rúa co obxectivo de que ninguén volva a casa limpo.

 

Pola noite, todos os membros dos diferentes fulións que baixan a
Viana, realizan un pequeno percorrido pola vila e despois cean
xuntos no pavillón polideportivo municipal. Pouco antes da

medianoite, estes fulións van á Praza Maior e tocan os seus
instrumentos mentres se produce a queima dos lardeiros, que
simbolizan o final do entrudio . A continuación segue un concurso
de disfraces e unha disco móbil encargada de animar a noite.

05-03-2025

ENTERRO DA SARDIÑA

A última celebración do Entrudio, aínda que xa está en época de Coresma, é o Enterro da Sardiña. Unha procesión de xente
acompaña a figura dunha sardiña xigante nun percorrido polas rúas
de Viana, mentres se fan finxir choros e berros de dor pola morte de
dita sardiña, que será queimada pouco despois no Cabo da Vila.
Despois desta queima, os veciños do casco histórico invitan a todos
os que acoden a unha sardiñada popular con torrixas de sobremesa.

bottom of page